Blogia
O ENTROIDO

OS "VOLANTES DE CHANTADA"

OS "VOLANTES DE CHANTADA"

“Os volantes que dotan á celebración chantadina de gran parte da súa singularidade. Portan sobre a testa os famosos “puchos” que non son outra cousa que enormes gorros dos que se di que teñen a forma de camarín da Virxe. Estruturas moi pesadas, estímase que poden chegar a pesar 15 quilos, teñen unha estrutura interna de madeira feita con paus de vimbia ou salgueiro. Sobre ela colgan numerosas cintas ou “colonias” de moita anchura e lonxitude cunha gran profusión de colorido. Tamén é común que sobre o “pucho” se coloquen bonecas e flores que nun tempo eran elaboradas polas mulleres das distintas parroquias; coméntase que en cada freguesía tiñan un xeito de elaboralas. Nos ombreiros, os volantes levan un pano cunha gran variedade cromática chamados “portugueses” para diferencialos dos utilizados na antigüidade, denominados “marinos” xa que moitos dos mesmos proviñan de ultramar sendo de cores máis tristes. O volante, sempre masculino, ten unha vestimenta inferior caracterizada por presentar unha serie de bandas con cores moi significativas; son comúns as cores vermella e amarela (por ser como a bandeira española; dise que na antigüidade era a tela máis barata) aínda que na actualidade non é estraño ver ós volantes coa cromática azul/branco.

Estas relevantes personaxes portan un cinto feito en coiro, o da parroquia de Santiago da Riba estaba realizado en coiro de porco por ter maior duración, sobre o que penduran un total de 24 campaíñas (as “esquilas” de Manzaneda e Viana do Bolo) que se van alternando en función do seu son; as de timbre grave, denominadas “ machos ”, e as de son agudo ou “femias”. O seu papel ou función é a de protagonista principal, anunciando a festa aló por onde van.”(*)

(*)http://www.concellodechantada.org/cultura_entroido.htm

0 comentarios